As novedades editoriais para o outono tamén inclúen un libro de relatos do escritor limiao Antón Riveiro Coello
X.M.R.
O outono é tempada de novedades editoriais. E dentro dos libros que están a chegar aos andeis das librarías, ou que o van facer ao longo deste mes, figuran dúas obras de escritores ourensáns: Diego Ameixeiras e Antón Riveiro Coello.
Cunha traxectoria de sobra coñecida e recoñecida na novela negra, opción empregada para aportar unha visión diferente da realidade, Diego Ameixeiras aposta desta volta por unha situación que protagoniza o día a día das páxinas dos xornais nos últimos tempos: o conflicto das preferentes que se comercializaron no Estado español. Edicións Xerais vén de anunciar que antes de que remate outubro estará nas librarías Matarte lentamente, una novela de Diego Ameixeiras que convertirá en historia literaria a conflictividade social xerada polas preferentes, os produtos comercializados polas entidades financieiras. No avance que Xerais ofrece da novela relátase unha xuntanza de preferentistas onde «o avogado explica aos afectados que as participacións preferentes son emisións perpetuas cuxo problema é a falta de liquidez inmediata», que os bancos o fixeron para gañar liquidez e que «a maioría de vostedes pensou que se lles estaba vendendo un prazo fixo, sen ningún tipo de risco, pero non foi así. Unha voz crebada irrompe dende a porta ao avogado: "Aquí vai haber sangue"».
Textos recuperados
No caso de Riveiro Coello, o escritor da Limia inclúe na súa nova obra, Acordes náufragos, nove relatos escritos en diferentes épocas. Nalgún caso son textos premiados en certames como o Manuel Murguía, o Modesto R. Figueiredo ou o Pedrón de Ouro que o autor quere facer chegar ao lector para que coñeza aqueles relatos que lle deron «azos para seguir escribindo»
0 comentaris:
Publica un comentari a l'entrada