16 de gener del 2016

De Oregón a Filadelfia

[Xerais, 15 xaneiro 2016]

Ramón Nicolás

Nun exercicio singular Diego Amexeiras explora os límites da novela negra, confirmando que as súas achegas son hoxe esenciais para a vitalidade e os novos horizontes do xénero.


Teño para min que, no ámbito da chamada novela negra, a obra de Diego Ameixeiras é unha das máis interesantes e solventes, avalada ademais pola solidez no camiño percorrido ata o de agora, conformado xa por un de dez propostas narrativas que se  acompañan da aceptación e o aplauso da maior parte do lectorado e a crítica.

Nesta ocasión, engádese á súa produción a novela A noite enriba na que articula, con indiscutible oficio, unha recreación singular de asuntos que teñen que ver coa vida dun escritor, precisamente, de novela negra chamado Ricardo Barros. É nesta parte, construída con indubidable acerto e que convive con outra se se quere de carácter máis canónico, onde descansa para min o máis suxestivo pois nela aborda asuntos como a soidade do escritor, as súas dificultades para sobrevivir, os padecementos que sofre, as dimensións que pode ter unha crise creativa e, ao tempo, o valor dunha escritura que se conceptúa como “unha coiraza para escorrentar o horror de respirar todos os días”. Deste xeito é como se deseña un novo horizonte no xénero homenaxeando e reivindicando as voces que escribiron novelas consideradas populares ou “de cordel” e poñendo en valor a obra dun autor estadounidense como David Goodis, que estas páxinas convidan a (re)descubrir. E todo isto levado por esa distribución fragmentaria e cruzada das tramas narrativas, perfiladas coa prosa depurada e concisa tan cara ao autor, aquí a cabalo entre o que ocorre no universo simbolizado por ese espazo familiar que é Oregón e mais as avenidas de Filadelfia que erixen un final sorprendente, marcado por certo arrecendo existencialista que aquí non é acaído desvelar mais que convido, e moi vivamente, a coñecer.




0 comentaris:

Publica un comentari a l'entrada

 
Google Analytics Alternative