15 de novembre del 2013

Diego Ameixeiras: ''Se les o xornal, o raro é que non che saia unha novela negra''

[El Progreso, 14 noviembre de 2013]

Sara Vila

foto: DP

Centra as súas novelas no realismo máis cru que se filtra na novela negra. A descrición dun mundo en decadencia é unha das especialidades de Diego Ameixeiras. E non o forza. Son temas que saen do seu compromiso co tempo no que vive. A súas novelas teñen a orixe nos xornais. Nesta ocasión a fraude das preferentes. 
A UN RITMO de case un libro por ano, o escritor ourensán Diego Ameixeiras leva dende 2004 engadindo valor ao xénero da novela negra galega. Agora volve con ‘Matarte lentamente’.

De novo un título seu nas librarías, esta vez sobre a fraude das preferentes. Que lle agarda ao lector nesta nova historia?
Unha das historias que se contan na novela ten que ver co problema das participacións preferentes. Un dos afectados toma a xustiza pola súa man. Ademais hai outras tramas que corren en paralelo. Unha rapaza de instituto ten que se enfrontar a un problema bastante gordo e hai outra dunha detective que acaba descubrindo un pasado escuro da súa parella. Son relatos que se entrelazan, como algunha outra novela que fixen noutra ocasión.
Hai un embarazo non desexado dunha adolescente, quixo amosar o seu modo de ver un asunto tan controvertido como o aborto?
Máis que dar unha opinión sobre o tema o que quixen foi narrar os feitos. A historia desa rapaza é moi dura para unha adolescente. Quero reflectir o modo no que as persoas actúan perante un problema para solucionalo aínda que sexa de forma pouco razoable, pero co instinto de querer saír adiante. Todo está ambientado nun espazo gris onde non hai unha ética clara.
O libro ambiéntase nun contexto de crise económica. A decadencia casa ben coa novela negra...
Si, é que hoxe en día se es un espectador do que pasa na rúa, se les os xornais... o raro é que non che saia unha novela negra. Estamos nun contexto de crise apocalíptica. O número de parados é insoportable para a economía e ademais hai unha sensación de derrota porque as persoas están sen perspectivas de futuro. Con todo isto, é normal que a sociedade en crise e a sensación de que o sistema que se está a vir abaixo se filtren na novela. É o bo que ten este xénero: permíteche ser crítico sen ser panfletario.
En que medida o panorama que se debuxa está vencellado cos personaxes que crea?
O clima de desmoralización e de desarraigo fai que os personaxes se movan na liña que separa o marxinal do que non o é. Esa visión que temos todos do futuro como un lugar inseguro está presente. O sistema non nos leva máis que á pobreza e á exclusión para o beneficio duns poucos. O que quero reflectir é que a falta dunha acción en grupo transfórmase ás veces en pequenas accións de supervivenza persoal, con comportamentos á marxe da lei. Pero o lector pode chegar a entender estas actitudes, plantexadas con distancia na novela.
De seguro que a actitude dos preferentistas dende que estoupou o escándalo o inspirou, a xente está moi enfadada…
Evidentemente todas as súas reivindicacións dende que este tema rebentou puideron servirme de inspiración. Pero eu non quixen fixarme tanto na estafa en si, preferín poñer atención nas consecuencias, como a reacción das persoas cando non teñen nada ao que agarrarse salvo á súa propia resposta persoal.
Como xorde a idea desta novela?
Pola simple observación da realidade. A min gústame escribir historias que teño diante dos ollos. Ao final todo é unha radiografía do mundo que fago coas historiasda rúa, que se len nos medios... Así se fai a novela negra.
É máis fácil facer novelas así?
É por unha cuestión moi sinxela: non sabería facelo doutra forma. Á hora de escribir a realidade que tes ante os teus ollos é o que te inspira. Hai casos nos que acontece de xeito moi directo. Como en ‘Asasinato no Consello Nacional’, que ía escribindo conforme ían sucendendo as cousas. Na novela negra hai esa obriga moral de ser espello do teu tempo e tratar os temas que están máis de actualidade. Se un considera que ten ese compromiso, debe facelo así. 
É un xeito de escribir a reportaxe que lle gustaría como xornalista?
Pode ser. Pero máis que influirme á hora de escribir, a miña profesión inflúe á hora de escoller os temas. Todos os días no periódico vexo historias que son susceptibles de converterse en novelas. Supoño que ten que ver con que son xornalista e sei de moitos feitos. Por iso sinto moita admiración polos compañeiros que se dedican a contar as historias día a día nos xornais, na radio e na televisión.
Ás veces a novela tamén pode ser un xeito de dar detalles que non se dan nos xornais. Por exemplo, no caso de ‘Asasinato no Consello Nacional’, o panorama de tensión e enfrontamentos que se pintaba era o que se vivía dentro do BNG?
O único que fixen foi retratar algo que era vox pópuli, non é que fose unha obra de investigación que revelase algo que ninguén soubese. Ademais sería moi pretencioso pola miña parte.
Nesta novela había personaxes claramente recoñecibles. A graza que tiña ver aos políticos retratados nun libro puido ser funtamental no éxito de vendas, non si?
Por suposto. Había personaxes que tiñan unha relación directa con persoas reais. Eu creo que o éxito en parte vén dese morbo que temos todos, pero tamén é unha novela que responde ao perfil de novela negra clásica cunha intriga política, un crime, un detective... Francamente, non sei se é a miña novela máis arriscada, pero ten a graza de que foi escrita e publicada cando todas esas cuestións estaban de actualidade e agora que pasaron os anos quedou como unha fotografía dun tempo moi convulso para o nacionalismo. 
Se tivera que novelar outro acontecemento da actualidade, cal sería? Algún asasinato dentro de AGE? Marcial Dorado e Feijóo?
(Ri) Esta segunda paréceme unha boa opción. Alguén debería escribir algo sobre iso porque aí detrás hai unha historia que merece ser contada. Sobre as relacións entre narcotráfico e poder en Galicia sabemos moito. É un tema no que se pode investigar moito. No caso concreto de Marcial Dorado e Feijóo o primeiro que se me ocorre é que a maioría da xente non ten ese tipo de amizades e dá que pensar. A min tranquilízame saber que nunca montei no iate dun narco (ri).
E que di da lea entre Esquerda Unida e Anova pola marcha de David Fernández?
Xa cando escollín facer unha novela sobre o BNG é porque había unha historia de novela negra clásica detrás. Podería escribir unha triloxía a partir de aquilo por todo o que desencadeou despois. O tema de Esquerda Unida e Anova é como un matrimonio que, como todos, ten as súas diferenzas e os seus problemas. Non teño un coñecemento moi a fondo de como son as leas internas, pero supoño que non serán moi distintas as das persoas. Todos os políticos finxen ser moi educados, pero no fondo están dominados polas máis baixas paixóns humanas. Chegar ao poder, perpetuarse nas poltronas... Todos sufrimos iso. En todo caso as diferenzas que poden ter pola marcha do deputado forman parte da dinámica interna dos grupos políticos. Pero chama a atención que AGE, que vende a idea de facelo todo de xeito distinto, que di que son a voz da cidadanía, dos indignados... non cadra que agora estea a pelexar polo poder.
Din na web de Xerais que vostede está a renovar de raíz a novela negra. Que novos elementos engade para esta modernización?
Non sabería dicilo exactamente. Hai dous xéneros que cómpre diferenciar, a novela enigma e a novela negra, eu quedo coa segunda. Creo que hai moitos escritores que estamos moi relacionados coa etapa social na que vivimos. Optamos por non establecer liñas claras entre o que está ben e o que está mal, o moral e o inmoral... Non castigamos aos delincuentes das nosas novelas. A nova novela negra pode ir por aí. Xa non somos inocentes como para pensar que hai bos e malos. Non sempre triunfa o ben sobre o mal nin sempre hai un personaxe que o resolva todo. A novela negra é o realismo dos nosos días. Se contas o que pasa nas rúas sairache unha novela negra.
A novela negra está a vivir una especie de idade de ouro e vostede é un dos seus autores en Galicia. Está de acordo?
Este xénero ten pouco máis de trinta anos en Galicia, pero non ten nada que envexar á literatura que se fai noutros idiomas. Por exemplo, o caso de Finlandia, con menos falantes de finés que de galego en Galicia, pero cunha novela negra moi potente. Non sei se estamos nunha idade de ouro, pero pode falarse de total normalidade da novela negra dentro do mundo editorial galego.
Ten alguna outra historia entre mans?
Si, algo sempre anda rondando na cabeza. O que pasa é que agora mesmo estou centrado nesta nova novela. Pero algo teño. Hai que darlle forma, madurala... De momento non podo nin facer unha sinopse, pero seguro que ten algo que ver coa actualidade. E outra pista que podo dar é que cada vez síntome máis atraído polas historias de adolescentes, sobre todo dende o punto de vista da loita individual que emprenden contra o sistema establecido, a súa familia, a autoridade... É algo que me interesa moito.
PECADOS INCONFESABLES
"Levei algo sen pagar, pero creo que o merecían"
Fixo trampa algunha vez?
Claro, pero foron cousas pequenas que tampouco te martirizan moito. 
O peor que fixo nun ataque de xenreira foi... 
Romper algo, pero sen consecuencias graves. 
Levou algunha vez algo sen pagar ou marchou dun restaurante sen pedir a conta?
Si, algunha vez si, pero creo que o merecían. Non era un pequeno comercio, nin un autónomo... Non me pesa na conciencia.
Que sería capaz de facer por un millón de euros?
Sería capaz de estar sen escribir dez anos.
Fáiselle a boca auga cando...
Vou ver unha película que sei que me vai gustar ou cando xoga o meu equipo.
E na mesa, ante que non se pode resistir?
Como de todo. Supoño que algo ben preparado, caseiro e con boa compañía.
Pode vivir sen espello ou é dos que se van mirando nos escaparates?
Podo vivir absolutamente sen espello. Ademais, paso o día metido na casa e non preciso prepararme demasiado.
A preguiza vénceo cando...
Non son moi preguiceiro.
De que aspecto de si mesmo se sente máis orgulloso?
De escribir coa maior honestidade posible. Ao rematar de escribir unha novela, tras estar moitas horas no ordenador, tamén me sinto moi orgulloso.
Cal foi a última mentira que contou?
Foi dicir que un penalti non era, cando si que o era. No fragor do partido díxenlle a unha persoa que non era penalti pero despois comprobei que era mentira.

0 comentaris:

Publica un comentari a l'entrada

 
Google Analytics Alternative