[Galicia Hoxe, 28 abril de 2008]
Joaquim Ventura
Para calquera cidadán minimamente culto, o apelido Corbacho lembra ao libro Arcipreste de Talavera, de Alfonso Martínez de Toledo, un clásico da literatura medieval española. Mais para quen non estea tan informado e sexa lixeiramente teleadicto, Corbacho é o apelido dun actor e presentador catalán -de acento vagamente andaluz-, ultimamente metido a director de boas películas.
Quizais por iso a figura do novo ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, non lles soe aos máis dos cidadáns. Malia ser de Santa Eulàlia, o mesmo barrio de Hospitalet de Llobregat que o actor José Corbacho, non teñen nada que ver. O Corbacho político foi alcalde da súa cidade durante dezaseis anos e foi o artífice de que L'Hospi deixase de ser unha cidade satélite, pegada a Barcelona, para coller personalidade de seu.
Hoxe, con institucións quer públicas como a Cidade Xudicial, dous hospitais de primeiro nivel europeo, a extensión de Fira de Barcelona ou os fenómenos culturais da biblioteca La Bòbila e a Sala Tecla, quer privadas como o hotel Evo (co seu restaurante panorámico con estrela Michelin), os habitantes de L'Hospitalet de Llobregat están orgullosos da súa cidade e, sen esquecer cadansúa orixe, séntense todos cataláns e hospitaletenses.
Mais Celestino Corbacho non foi un excelente alcalde máis, se é que hai tantos excelentes alcaldes, claro. Presidiu a deputación de Barcelona, de hai anos pertence ao Consello Federal do PSOE e formou parte da xestora que gobernou o partido cando Joaquín Almunia dimitiu.
Cando os problemas do AVE na súa cidade (o dúo Gornal-Bellvitge son paradigma de barrios dormitorio) e Rodríguez Zapatero tivo unha xuntanza cos veciños, Corbacho non se privou de invitalos: -Tédelo aquí, decídelle todo aquilo que me contastes. Esa proximidade non é nova. Dende hai anos é un dos poucos políticos locais que reflexiona sobre os problemas que provoca a inmigración.
Gañador dunha elegancia de seu (nunca desentoou cando a infanta Cristina asistiu ás inauguracións do Centro de Cultura Contemporània de Barcelona), sempre tivo os pés no chan. Cando soubo que era ministro comentou: -Xa vedes, cheguei de Estremadura en vagóns de madeira e agora marcho a Madrid no AVE. Poucos alcaldes marcharán como o fixo el: co respecto dos cidadáns e con bágoas de todos os concelleiros, incluídos os da oposición. Boa sorte, Celestino!
Novedad: «Plomo en las alas», de Francisco José Jurado
-
Unos restos humanos aparecen semienterrados en un polígono industrial de
Córdoba. Una chica, de eso no cabe duda, porque lo que encuentran es el
bajo abdom...
Fa 1 hora
0 comentaris:
Publica un comentari a l'entrada