1 de desembre del 2014

A primeira novela policial galega

[Bouvard e Pécuchet, 30.11.2014]

Aos trinta anos de Crime en Compostela
Por Manuel Rodríguez Alonso

Crime en Compostela

Carlos G. Reigosa

Xerais, Vigo 1984, 190 páxs.

Hai uns poucos días comentabamos nestas páxinas a última, que non derradeira, aventura de Nivardo Castro acompañado polo seu inseparable Carlos Conde, nunha especie de parella Holmes-Watson. Isto levounos a reler a primeira aventura do investigador Nivardo Castro, que saíu hai precisamente agora trinta anos (en 1984) e que, ademais, foi o Primeiro Premio Xerais de Novela, tamén de 1984.
A novela no seu momento suscitou opinións encontradas da crítica, como pode ver o lector no artigo que lle dedica o tomo III do Diccionario da Litertura Galega. Obras da editorial Galaxia ou tamén no comentario que fai desta novela González Millán en A narrativa galega actual (1975-1984) (Xerais). Mais, como ben recoñece o devandito dicionario, ao incluír esta narración entre os textos canónicos da literatura galega, é xa un clásico da nosa literatura.
Crime en Compostela é considerada por practicamente todos os estudosos da literatura galega como a primeira novela policial galega. Foi tamén o I Premio de Novela Xerais (1984), como xa indicamos.
Crime en Compostela presenta un detective na liña clásica do investigador da novela policial clásica no que a capacidade intelectual, de observación e dedutiva do detective priva sobre a forza ou a violencia. Aínda que enCrime en Compostela aparece algún episodio de violencia e Nivardo Castro foi lexionario e sabe usar da forza, é basicamente un observador, que usa a razón para investigar. Está así na liña de Holmes: a razón prevalece claramente sobre a violencia ou a forza.
En segundo lugar, estamos máis perante unha novela policial ca ante unha novela negra. Característico da novela negra é amosar a corrupción marcada pola colaboración entre empresarios, políticos e funcionarios. Fronte a eles, o detective opera cun código baseado nunha ética de seu e desenmascara estas colaboracións. EnCrime en Compostela non se dá esta conivencia entre os empresarios e as institucións. Mesmo nesta e en xeral no resto das novelas da serie de Nivardo Castro, Reigosa non descualifica os capitalistas ou empresarios que aparecen nas súas novelas, pois en xeral son vistos, como acontece na última das novelas da serie (A vinganza do defunto), como creadores de riqueza e traballo e ata cunha ética un tanto calvinista, que os obriga a manter os tratos, a palabra dada ou mesmo a amizade. Nesta novela, tanto o asasinado Aurelio Xieiro como o seu socio e principal sospeitoso do crime, Terencio Rancaño, son empresarios que partiron do nada e que, nos anos dodesarrollismo dos sesenta e comezos dos setenta, souberon aproveitar as oportunidades que se ofrecían fundamentalmente no eido da construción. Aínda que se alude a que a empresa Rancaño-Xieiro subornaba as autoridades da época, este motivo non é fundamental na novela nin moito menos, nin inflúe para nada no asasinato ou na súa resolución.
Como acontece na novela policial, o autor desprega no comezo un abano de posibles sospeitosos e móbiles. Mesmo o lector, afeito ao cine negro e mais á novela negra, pensa que pode haber detrás unha trama de corrupción. Pero, o desenlace deixa ver que no fondo hai un problema persoal de simples celos. Xa que logo novela policial, mais non novela negra, aínda que poidamos atopar algún elemento desta.
A novela é tamén en certo xeito a novela de Santiago, vista en certo xeito, na liña de Otero Pedrayo, que así é citado, como símbolo de Galicia. Como xa ten sinalado a crítica, mesmo como defecto da novela, son abundantes as digresións sobre Santiago e os seus monumentos, o Camiño ou a chegada dos primeiros comerciantes e capitalistas foráneos. Non faltan tampouco alusións ao mundo universitario ou aos lugares de encontro e conversa dos intelectuais da época en Santiago. Mais, o que se impón non é a visión de Santiago como símbolo, ao xeito de Otero, ou de cidade de estudantes e intelectuais, como en Xoguetes pra un tempo prohibido, de Casares, senón que o lector queda coa imaxe dun Santiago suburbial, de barras americanas, de pequenos delincuentes e tamén de construtores ou mesmo persoal de servizos como hostaleiros, que aproveitaron os tempos do desarrollismo para gañaren cartos ou investir, fundamentalmente en pisos e baixos, os cartos que trouxeron, en moitas ocasións, da emigración europea.
En canto, á abundancia de explicacións histórico-artísticas eu coido que Reigosa, nos primeiros anos da Autonomía, cando aínda non callara o ensino do galego e do relacionado con Galicia, quere que, a través da novela, o lector vaia entendendo que Galicia é unha comunidade, país, pobo ou mesmo nación porque ten xa non só unha lingua ou un espazo xeográfico de seu, senón unha historia e ata unha arte, que o lector descoñece, porque os membros da xeración de Reigosa non recibiron información ningunha deste tipo no ensino regrado dos tempos do franquismo. Ao especialistas isto non nos gusta, mais ao lector do común, sen formación sobre Galicia daquela, non o molestará saber que vive nun país que ten todos os elementos característicos dunha nación e que poderá sentirse orgulloso deles. Na novela atopa información abonda sobre isto.
Outro acerto de Reigosa é a caracterización sociolóxica da parella Nivardo Castro-Carlos Conde. Son dúas persoas que proceden dun medio rural ou moi próximo ao rural e que se forman no remate dos anos cincuenta e comezos dos sesenta, na idade do antigo Bacharelato do Plan de 1954, das reválidas e do Preu, no Seminario, máis concretamente no Seminario de Mondoñedo, viveiro de escritores e intelectuais galegos. Realmente esta parella representa moi ben o proceso de formación de moitos dos intelectuais e escritores galegos nados no remate dos corenta do pasado século ou na década dos cincuenta. Rapaces e rapazas de ambiente labrego ou moi próximo a el, grazas ás posibilidades educativas que ofrece o franquismo a partir de 1959, para conseguir máis xente preparada tras o Plan de Estabilización deste ano de 1959, van acceder ao Bacharelato e despois á Universidade grazas ás famosas bolsas do PIO (Patronato de Igualdad de Oportunidades) ou dos seminarios (fan alí os estudos secundarios para despois deixalos e acceder á universidade). Deste xeito obterán unha formación basicamente castelá e en castelán, mais por diversos camiños (profesores progresistas, asociacións culturais, antigos militantes, o movemento obreiro e estudantil da época…) van chegar ao coñecemento de Galicia e do galeguismo. Como proceden do agro ou de barrios populares de vilas e cidades, coñecen ben o galego coloquial e vanse converter en escritores e intelectuais galeguistas, entendido o termo no sentido amplo de ´cultivador-usuario do galego e defensor da lingua e da tradición de noso desde diferentes posturas políticas e intelectuais´. O proceso de formación de Nivardo-Carlos e a súa descuberta e valoración de Galicia está nesta liña e tamén fai máis comprensibles e xustificadas as devanditas digresións de Reigosa no texto sobre historia de Galicia, monumentos ou mesmo autores da nosa literatura.
Na figura de Nivardo Castro aparece outro personaxe típico da realidade galega: o emigrado que retorna triunfante a Galicia. Mais Nivardo xa non é un emigrado coma os do XIX e comezos dos XX ou mesmo dos característicos emigrantes a Europa dos sesenta. Ten unha certa formación e emigra a Nova York e anda tamén por Madrid. Este emigrado, con certa formación, marcha a Madrid ou a outros lugares ante a falta de posibilidades de traballo acordes coa súa formación en Galicia. Hai, especialmente desde os anos setenta, un bo número de profesionais galegos, desde o xornalismo á medicina ou mesmo á literatura, que, perante a falta de oportunidades en Galicia ou mesmo o caciquismo intelectual, buscan a vida fóra dela, mesmo escribindo en galego, como é o caso do propio Reigosa. Nivardo cumpre con este modelo, como en certo xeito lle acontece tamén a Carlos Conde, que non vive de escribir en medios galegos, senón de fóra de Galicia, con colaboraciónsfreelance.
Na novela aparece outro elemento ideolóxico que non resulta desdeñable. As opinións que distintos personaxes dan sobre a situación política daqueles anos, co Estatuto de Autonomía aprobado había pouco e cos primeiros pasos da Comunidade Autónoma de Galicia. O autor expresa, por boca dalgún personaxe, unha idea que aínda hoxe non deixa de ter vixencia: … aquela impresión dos comenzos de que a autonomía a estaban facendo os que menos fe tiñan nela non foi nada positivia… Algúns pasaron en moi pouco tempo de furibundos anti-autonomistas a afervoados autonomistas. E o resultado foi o desencanto. Porque isto foi o que verdadeiramente se conseguiu: Que ninguén estea contento. Nin os que nunca foron autonomistas e que agora se ven forzados a pasar polo aro e finxi-lo que non senten, nin os que loitaron tradicinalmente pola autonomía e que se atoparon, de súpeto, condanados a escoller entre marxinarse do proceso ou colaborar cos seus adversarios de antano (páx. 38. Citamos pola primeira edición).
Realmente aqueles eran os tempos que deron en chamarse do Desencanto. Eran tamén os tempos en que aínda tiña validez o modelo soviético, antes da caída do Muro, e discútese sobre a oposición capitalismo-socialismo de Estado noutro lugar da novela.
Por outra banda, cando se publica Crime en Compostela, fronte ás críticas da oposición (véxanse, por exemplo, as opinións de García Negro), a cultura oficial galega amosaba certo optimismo sobre a normalización do galego e mesmo da súa literatura. Tiña cabida no Ensino e aprobáranse en 1981 e 1983, respectivamente, o Estatuto e mais a Lei de normalización lingüística. A Galicia oficial sentíase satisfeita en certo xeito co acadado. O artigo 5º do Estatuto dicía que A lingua propia de Galicia é o galego. Tamén que Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar. Mais o que non se dicía tanto era que unha proposta dos socialistas de Galicia non só se falaba do dereito, senón tamén do deber de coñecelo: El idioma gallego es el oficial de Galicia, así como el castellano oficial en todo el Estado español, y todos tienen el deber de conocerlos y el derecho de usarlos. Sinala ben isto Ceferino Díaz no seu libro A esforzada conquista da autonomía 1979-1981 (Galaxia). Así, tentábase paliar a desigualdade que establece a Constitución do 78, que só sinala o deber de coñecer o castelán, mais non o galego ou as outros linguas do Estado. No devandito libro pode lerse a oposición frontal da UCD pola boca de Óscar Alzaga. No remate, foi a que triunfou.
O que aconteceu naqueles anos co artigo 1 da Lei de Normalización Lingüística, que afirmaba que Tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo, foi que o impugnou perante o Constitucional o goberno do PSOE e que o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional o deber de coñecer o galego.
Na desigualdade que entre castelán e galego establecen tanto a Constitución como os devanditos Estatuto de Autonomía e mais a Lei de Normalización Lingüística, están as causas principais da perda de falantes de galego que vimos sufrindo desde os anos da publicación de Crime en Compostela. O diagnóstico de Carlos Conde de que facía a autonomía e mais as súas leis quen non cría nela cobra así todo o seu valor. Quen queira ter boa información sobre o asunto pode consultar os libros O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (Pilar García Negro. Edicións Do Cumio)/A represión lingüística en Galiza nos século XX (María Pilar Freitas Juvino/Xerais). Provocou, por certo, grande escándalo en Galicia que a Lei de Normalización Lingüística, no apartado do deber de coñecer o galego, fose recorrida en nome do Goberno central polo seu delegado en Galicia, o daquela, paradoxalmente, Presidente da RAG, Domingo García-Sabell.
Mais nos anos oitenta, en que se publica este Crime en Compostela, o sector oficialista da cultura galega considera que a lingua e mais a literatura galegas estaban normalizadas. Nestes sentido non me resisto a reproducir un texto dun dos principais representantes da cultura oficial: Carlos Casares. No volume de ensaiosUn país de palabras, a gran figura da nova cultura oficial (director de Galaxia, presidente do Consello da Cultura, delfín de Piñeiro) sinala que por fin chegou á lingua e cultura galegas isto… que se chama a normalidade… desde a implantación da autonomía… Segundo Casares xa non teñen agora sentido Aqueles galeguistas fervorosos que adquirían como un deber mercar canto libro se publicaba en galego… Tampouco cómpren xa Aqueles escritores que percorrían desinteresadamente o país de arriba a abaixo predicando as excelencias da cultura galega…Segundo Casares, os devanditos escritores e grazas á autonomía negocian agora sen complexos as retribucións correspondentes. Ata na nova situación autonómia os xornais abren xenerosamente as súas páxinas ás críticas sobre libros galegos: Os mesmos xornais, que nos últimos anos afrouxaran na atención que viñan prestando nas súas páxinas á reseña de libros, volven agora recuperar aquela boa práctica… (páxs. 94-95).
Os tempos viñeron demostrar que, malia o optimismo de Casares e mais da cultura oficial, o futuro non ía por aí, como vemos trinta anos despois. Non obstante, o éxito de público de Crime en Compostela foi innegable. González Millán sinalaba en Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990) (Xerais) que en sete anos, desde 1984 a 1991, se venderan 27 056 exemplares desta primeira novela policial galega.
No seu día tamén se lle reprochou a esta novela que os diálogos resultaban falsos. Eu coido que o que podemos chamar diálogos doutrinais si que non son acaídos para unha novela policial entendida ao xeito convencional deste subxénero narrativo. Mais, como xa sinalamos enriba, esta novela tenta difundir determinados coñecementos sobre Galicia e iso posibilita estes diálogos. Non obstante, tamén hai outros diálogos, co Celes e personaxes semellantes, onde se intúe xa o galego urbano dos Ameixeiras e compañía actuais.
No remate quero aludir á lingua da novela. Comparando a lingua de Crime en Compostela, nesta súa primeira edición, coa de A vinganza do defunto (publicada en 2014 e recentemente comentada neste mesmo blog) o certo é que as diferenzas son mínimas. No ano 1984, o de Crime en Compostela, aínda non se publicaran gramáticas de referencia do galego como a de Álvarez Blanco e outros, de Galaxia, nin había á venda ningún dicionario normativo-descritivo. A devandita gramática é de 1986. Os primeiros dicionarios normativo-descritivos son o Diccionario práctico da lingua galega (Ir Indo, de Xosé Feixoo) e mais o Diccionario Xerais da Lingua(Xerais, de Ares Vázquez e outros), que son tamén de 1886. Mais o modelo de lingua que hai alí e que se acabará impoñendo, como se pode ver ao comparar estas dúas novelas citadas, é o do ILGa, que daquela estaba fixado e defendido polo Galego 1, 2, 3, a primeira edición das NOMIG e repertorios léxicos, debidos fundamentalmente ao ILGa, como o Diccionario Básico da Lingua Galega (do ILGa, 1980) ou o Diccionario galego-castelán/Castellano-Gallego (1982. Ediciones Nós) de Ares Vázquez e outros, tamén dentro da órbita do ILGa.
Este modelo era daquela contestado polo chamado reintegracionismo representado sobre todo pola publicación da Associaçom Galega da Língua Estudo Crítico das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (AGAL, 1983) ou pola chamada Gramática de Mínimos, que tiña a súa mellor expresión nos artigos que en A Nosa Terrapublicaban García Negro e mais Dobarro Paz. , reunidos máis tarde no libro 33 aproximacións á literatura e á lingua galega.
O certo é que, basicamente o modelo de galego estándar estaba fixado xa na novela de Reigosa e noutras publicadas por estes mesmos anos. Co paso do tempo, a normativa oficial iría admitindo, especialmente desde oDiccionario da Lingua Galega, de 1990, do ILGa e da RAG, propostas tanto de mínimos como dereintegracionistas ata chegar á actual Normativa de Consenso. Mais, o modelo de lingua estándar, está xa nestas novelas dos oitenta, coma a de Reigosa que agora lembramos, que ao teren un público lector tan amplo ían consolidar o modelo, que despois sufrirá os inevitables axustes, mais que aí está. Non foi tampouco allea a esta consolidación do modelo que fose o elixido polo poder político, mais todas as normativas son impostas por algún poder político ou por unha Administración.
En fin, cómpre reler esta novela no seu trinta aniversario. Para a situar no seu contexto, tampouco viría mal reler dous traballos de X. González-Millán aparecidos na década dos noventa do pasado século: Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990) e A narrativa galega actual (1975-1984). Ambos os dous foron publicados por Xerais.


0 comentaris:

Publica un comentari a l'entrada

 
Google Analytics Alternative