25 de gener del 2016

«Hai certa sobreexplotación da novela negra e pode estoupar a burbulla»

[La Voz de Galicia, 25 de enero de 2016]

O escritor ourensán, que acaba de publicar «A noite enriba», di que o xénero vai máis alá de historias de policías e criminais

Montse Garcia

foto: Sandra Alonso

O escritor Diego Ameixeiras (Lausana, 1976) publicou recentemente a súa décima obra, A noite enriba (Xerais), de novo apostando pola novela negra.
-Todas son do mesmo xénero agás unha, ¿non teme encasillarse?
-Despois de escribir xa unhas cantas, non teño medo, máis ben todo o contrario: considérome un escritor de novela negra con todo o que iso significa. Non descarto a posibilidade de escribir algo que non estea relacionado co xénero, pero agora mesmo é o tipo de historias que me interesan como lector e como escritor.
-¿Que tenta aportar de diferente con «A noite enriba»?
-É unha obra que reflexiona moito sobre a propia novela negra, sobre a experiencia de escribir. De feito, o protagonista é un escritor que tenta facer unha biografía novelada de David Goodis, un dos grandes mestres da novela negra norteamericana. Quizais sexa a novela máis metaliteraria, máis chea das referencias literarias e cinematográficas que a min me gustan.
-Mostra que calquera asunto pode servir de fío...
-O xénero ten unha serie de parámetros que se poden cumprir, pero tamén é certo que hai moitas fórmulas que se repiten demasiado. Non deixa de ser unha idea moi prexuizosa do xénero, que vai moito máis alá das típicas historias de policías e criminais. É un xénero que permite moita experimentación e moita innovación, sen esquecer que sempre ten como condición fundamental o realismo e unha certa pretensión de facer unha fotografía social.
-Outras veces falou de policías corruptos, precariedade laboral, preferentistas, ¿que dose de crítica social pon nas súas novelas?
-O que é certo é que se tentas ser realista, á mínima estás poñendo unha ollada crítica sobre o que estás vendo. A sociedade, desgraciadamente, está chea de corruptos, de xente que se aproveita da súa situación de poder... Iso está a orde do día e describilo non é ser crítico, senón ser honesto, creo eu.
-A novela ten 150 páxinas, ¿como se consegue fiar diferentes tramas nese espazo?
-Intento concentrar todo o posible, evitar o superfluo. Non é que me gusten as novelas que se deteñen 30 ou 40 páxinas en explicar como unha personaxe ve como sae o sol. Creo que a novela negra pide unha acción máis rápida, unha narración máis directa, máis clara, máis concisa. Non o fago porque esteamos nunha sociedade que perde capacidade para ler textos longos. É máis, penso que algunhas das miñas novelas merecen unha lectura demorada e de bastante tensión, porque suceden moitas cousas en poucas páxinas. A idea é contalo todo dunha forma esquemática, clara e directa, na que non sobre nada, pero na que o lector estea moi atento ao texto.
-¿Infravalórase a novela negra?
-Cada vez menos. Hai países como en Francia onde sempre foi un xénero moi considerado. En España, dende a transición ata hoxe, as cousas foron cambiando. Houbo un momento de bum, a finais dos 70 e principios dos 80, despois houbo outra caída, e agora na actualidade vivimos un bum pero sobre todo editorial.
-¿Complica iso abrirse un oco?
-Desgraciadamente os libros duran pouco nas mesas de novidades das librerías. Sempre penso que hai unha certa sobreexplotación no caso da novela negra, e iso pode acabar por que estoupe a burbulla antes. Para un escritor, é bastante inquietante como un traballo dun ano ou dous pode durar dúas ou tres semanas nunha mesa de novidades e, logo, xa condenarse ao esquecemento ou á segunda fila.
-Unha novela cada ano dende o 2009, ¿marcouse ese reto?, ¿xa pensa na seguinte?
-Foron saíndo as historias. Para min escribir é un xeito de ordenar a miña propia vida, é algo orgánico, como comer... É difícil entender o día a día sen atopar un momento para poñerme diante do ordenador. Para a próxima si que teño algunha idea..., pero non hai nada concreto, máis alá de que será unha novela negra.
-¿Volverá o detective Dopico?
-A Horacio Dopico téñoo aí xubilado xa hai tempo. Non lle vexo moita traza de que volva. Non podo dicir que non, pero creo que está tomando unhas vacacións bastante longas, e non sei se rescatalo do seu retiro ou non.



0 comentaris:

Publica un comentari a l'entrada

 
Google Analytics Alternative