30 d’octubre del 2015

La Bòbila

[La Voz de Galicia, 30 octubre 2015]

Diego Ameixeiras


Dixo Jordi Canal en Bearn Black que «a novela negra en España non lle gusta a case ninguén» e o enérxico titular deu para uns cantos debates nas redes sociais. A voz entrevistada polo escritor mallorquino Sebastià Bennasar ten autoridade: Canal é o coordenador do Premio L'H Confidencial e director de La Bòbila, esa estupenda biblioteca de L'Hospitalet de Llobregat que conta co maior fondo do xénero de todo o Estado. Os lamentos repartíronse entre a «novela costumista con policía» que se fai pasar por negra, as poucas lecturas dos autores, o insignificativo cultivo da crook story (historia de delincuentes) e a fartura de procedural. Como era de agardar, case todo o mundo se botou a aplaudir sinalando algúns presuntos culpables. Días máis tarde, o empacho editorial que semella ameazar a vitalidade do xénero ocupou parte do diálogo entre Bernard Minier, Jordi Llobregat e Alexis Ravelo no último Getafe Negro. «O problema é que agora estamos lendo bolsilibros en tapa dura», espetou o escritor canario. Debería saltar polos aires a burbulla negra posta en marcha polas editoriais? A conclusión de Jordi Canal convértese en doutrina se a referencia son os franceses. Un tesouro como a parisina Bibliothèque des littératures policières, a lendaria Bilipo fundada hai agora vinte anos, sería impensable nun país onde os estudos dedicados ao xénero seguen sendo moi escasos.

Jordi Canal dirixe La Bòbila dende 1999. A diferenza da Bilipo, cuxos enormes fondos están dirixidos ao traballo dos investigadores, esta biblioteca de barrio permite o préstamo de exemplares, organiza clubes de lectura e edita o fanzine divulgativo L'H Confidencial, instrutiva lectura que supera xa os cen números abríndolle os ollos aos afeccionados ao noir. Unha visita repousada ao seu estupendo blog permite constatar o extraordinario traballo de difusión que o equipo bibliotecario lle dedica a un xénero que precisa de voces tan libres e intelixentes como a de Jordi Canal. Teñen sorte en L'Hospitalet. Os seus veciños lectores de novela negra poden acudir a unha biblioteca pública e saír dela estrañamente satisfeitos.




0 comentaris:

Publica un comentari a l'entrada

 
Google Analytics Alternative